jueves, 11 de octubre de 2012

XORNADA TIC EN AT

XORNADA: "As TICs no ámbito da Atención Temperá"



    Xaime Ponte Mittelbrunn, presidente da AGAT,  presentou á Secretaria Xeral de Política Social da
    Consellería de Traballo e Benestar, Coro Piñeiro, quen declarou inaugurada a Xornada


No apartado de "Novas" do portal da Xunta de Galicia publicouse esta noticia referente á Xornada "As TICs no ámbito da Atención Temperá" celebrada no MUPEGA o pasado sábado 6 de outubro de 2012 e organizada pola AGAT:

"Benestar avoga por unha atención temperá a través dun marco normativo que posibilite a intervención múltiple

A secretaria xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar, Coro Piñeiro, participou hoxe na inauguración da xornada ‘As Tecnoloxías da Información e a Comunicación no ámbito da Atención Temperá’
Coro Piñeiro lembrou que ata a actualidade a atención temperá estivo considerada como unha visión puramente médica e asistencial, mentres que agora se lle incorporou unha visión integral.
Santiago, 6 de outubro de 2012.- A secretaria xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar, Coro Piñeiro, avogou hoxe por un novo paradigma para a atención temperá que facilite aos nenos e nenas e ás súas familias unha atención temperá de xeito continuado, flexible e contextualizado a través dun marco normativo que posibilite a intervención múltiple.
Coro Piñeiro participou hoxe na inauguración da xornada ‘As Tecnoloxías da Información e a Comunicación no ámbito da Atención Temperá’. Esta xornada ten como obxectivo intercambiar as experiencias e compartir recursos que permitan mellorar o sistema de atención temperá en Galicia.
A secretaria xeral de Política Social lembrou que ata a actualidade a atención tempera estivo considerada como unha visión puramente médica e asistencial, mentres que agora se lle incorporou unha visión integral que require a intervención de tres sistemas: o de saúde, o la educación e dos servizos sociais.
O resultado deste traballo verase reflectido no futuro decreto polo que se regulará a actuación administrativa integral en atención temperá na Comunidade Autónoma de Galicia, que considera a atención temperá como un servizo administrativo integral de responsabilidade pública e de carácter universal, rexido polos principios reitores de igualdade, coordinación, atención personalizada, autonomía persoal e participación, descentralización e proximidade.
Doutra banda, expuxo que “o aprendizaxe a través das TICs permite flexibilizar a educación, achegala a ámbitos antes dificilmente accesibles e adaptalas ás necesidades de cada neno ou nena”. “De aí a importancia de establecer intervencións centradas nas necesidades e demandas tanto das familias coma dos nenos, onde sempre se teña en conta os contextos sociais e os ámbitos nos que se desenvolven”, apuntou Piñeiro."



Teresa Busto presenta aos profesionais de TADEGA
De seguido,Teresa Busto, Vicepresidenta da AGAT, moderou a ponencia presentada por TADEGA.

Emma Mayo e Xoan Fernández explican como acompañar a unha persoa con déficit visual

Emma Mayo e Xoan Fernández falaron da vantaxes das TICs na Atención Temperá e a importancia da "accesibilidade e usabilidade como punto de partida para a inclusión". Tamén solicitaron a participación do público para experimentar cunha gafas que simulan distintos problemas de visión.

Despois do café chegou a parte máis emotiva da xornada coa presentación dos blogs creados polas mamás de sendos nenos con discapacidade.

Carmen Saavedra presentando "Cappaces"







Carmen Saavedra contounos os progresos do seu fillo coas TICs, sobre todo co IPad. Se queredes coñecer a web entrades en: http://cappaces.com que, como din na páxina "Este rincón sólo aspira a compartir con otras familias aquellas aplicaciones que nos han resultado útiles, educativas o simplemente divertidas".

A continuación, moi emocionada, Inés Casal presentounos o seu blog que ven sendo a voz do seu fillo e onde podemos ver tamén as súas experiencias co triciclo-tandem.
Inés Casal presentando o seu blog "hablapormidiceiago"
En http://hablapormidiceiago.blogspot.com.es/ podedes ver toda a intervención de Inés Casal e de paso coñecer os pictos, o autismo, materiais, actividades LIM...

Por último Cuca Da Silva, mestra, nai e promotora da asociación "Por dereito", fixo a presentación do seu blog http://www.pensandoenimaxes.blogspot.com/ que pódese seguir en http://prezi.com/d98l3can-pfw/una-mirada-retrospectiva/

Cuca da Silva presentando o blog "Pensando en imágenes"

Pola tarde, a coordinadora da UDIAF do Salnés, Gema Martínez, moderou a ponencia de Iria Botana que versou sobre o traballo de investigación levado a cabo por ela, logopeda da UAT de Ordes, "O contexto familiar nos programas de atención temperá"

Iria Botana expoñendo o seu estudo e Gema Martínez moderando
Para rematar a xornada contouse coa colaboración Ángel Javier González García, estimulador infantil no Centro Base de León e "Miembro de la Comisión Técnica encargado de diseñar y elaborar el actual Modelo de Atención Temprana de la Comunidad Autónoma de Castilla y León".


Javier González explicou o seu blog sobre desenvolvemento infantil e atención
No blog http://desarrolloinfantilyatenciontemprana.blogspot.com.es, creado por el no 2009, podemos atopar todo o relacionado coa atención temperá (historia, recursos, documentación, escalas de detección, avaliación, propostas de intervención) e co desenvolvemento infantil (fichas e vídeos das etapas de dº seguidas mes a mes).
Vaise convertir nun portal de referencia no ámbito da atención temperá en España e máis aló ...

A sáida entregaronse os diplomas de asistencia. Aproveitamos para salientar que houbo unha longa lista de espera para asistir á Xornada e que, moi a noso pesar, moita xente quedou fora por falta de prazas e por erros na entrada dos correos.

Dende AGAT agradecemos o esforzo e a calidade dos e das poñentes e o interese amosado polos distintos profesionais que asistiron a esta Xornada.